Comisan media tonelada de ameixa ilegal en Caldas de Reis

A Garda Civil comisou en Caldas de Reis máis de media tonelada de ameixa de procedencia ilegal. Segundo informa o Instituto Armado, o marisco ía nun coche con matrícula portuguesa que circulaba con evidente exceso de peso.
Os axentes deron o alto ao vehículo na autoestrada AP-9 ás dúas da madrugada deste martes, á altura do quilómetro 115. Ao inspeccionar o vehículo, a Garda Civil comprobou que, tanto nos asentos posteriores como o maleteiro, levaba unha importante cantidade de sacos de ameixa, tapados con matas, que viaxaban sen ningún tipo de documentación e nun medio de transporte inadecuado para este tipo de alimento.
En total eran 23 sacos que contiñan 562 quilos de ameixas de distintas clases, que foron comisadas e depositadas xunto ao vehículo, que tamén foi intervido, nunha unidade operativa de Gardacostas de Galicia en Vilaxoán.
O condutor e o propietario do vehículo, con residencia e domicilio habitual en Portugal, foi denunciado ante a Xunta de Galicia como suposto responsable de senllas infraccións administrativas. A Garda Civil destaca que en apenas dous meses incautaron na provincia de Pontevedra algo máis de tres toneladas de ameixa ilegal prodecente de Portugal. Aínda a pasada fin de semana comisaron 1.800 quilos no Grove.