CRTVG

Buscar

Comezan en Santiago as repescas masivas de vacinación

Publicado o 11/06/2021 20:29

1.100 persoas estaban citadas en Santiago, entre o hospital universitario e o de Conxo. Repescas de 70 a 79 anos e de 50 a 59, respectivamente.

"A min toucome a Moderna, porque tamén son eu moi moderna". "Moi ben, que non me doeu nada. Maravilla!", comentan dúas mulleres.

O ritmo foi fluído, durante toda a tarde: "Non hai moita xente, non hai que esperar unha barbaridade, e aínda que houbera que esperar un pouco, tampouco pasaba nada", di un home.

Os que poden, van polo seu propio pé e os que precisan asistencia, agardan no coche e é a enfermeira a que sae a vacinalos: "Tes que poñerte á cola e saen eles fóra a poñer a vacina. Fas os quince minutos no coche, en vez de na sala".

As repescas, que xa se viñan realizando pero en grupos pequenos, van dirixidas a aqueles que saltaron a vacina por distintos motivos,

"Non viñera porque estaba con antibiótico e xa me dixeron que non pasaba nada, que me volvían chamar", comenta unha paciente.

O Sergas cruza os datos e volve chamar aqueles que quedaron atrás. No grupo de idade de 50 a 59, por exemplo, vacináronse o 87 por cento. Ao 13 por cento restante, chamarano de novo. Recomendan, por tanto, actualizar os datos de contacto a través da web, nos centros de saúde, ou por teléfono.

 

Noticias web

11/06/2021