CRTVG

Buscar

Sánchez comeza as negociacións para construír un pacto nacional a pesar da distancia con Casado

Publicado o 16/04/2020 08:04

Comezan os contactos para alcanzar un novos Pactos da Moncloa. Serán por videoconferencia. O presidente do Goberno reunirase con todos os grupos con representación parlamentaria que atendan a súa chamada.

Para hoxe están convocadas catro xuntanzas telemáticas. Por orde de representación, primeiro con Unidas Podemos; á unha do mediodía, coa líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, que asegura que sempre defendeu estes pactos.

Sánchez tamén se reunirá hoxe cos independentistas de Junts per Catalunya, a pesar de que se mostraron reacios a estes pactos, e finalmente co voceiro do PNV, Aitor Esteban, que prefire que as negociacións se centren nos orzamentos.

Moncloa pretendía que a primeira reunión fose co líder da oposición, Pablo Casado, pero, finalmente, adiouse e aínda non hai data pechada para a vindeira semana, estase negociando. A priori, o Partido Popular rexeita sumarse a un gran pacto nacional, tal e como deixaron claro onte durante a sesión de control ao Goberno.

Na Cámara baixa fíxose patente o malestar dos populares co presidente polas formas na convocatoria dese encontro, pois din que o souberon pola prensa. Con todo, Sánchez apelou á unidade.

A rolda de contactos non será por tanto como Moncloa planeaba. Comezará coa desconfianza da segunda forza parlamentaria e coa negativa da terceira. Vox leva semanas anunciando que non vai atender a chamada de Sánchez mentres non destitúa o vicepresidente segundo Pablo Iglesias.

Noticias web

16/04/2020