CRTVG

Buscar

Comezan as tarefas de mantemento da muralla de Lugo coa retirada da vexetación

Publicado o 01/10/2021 14:38

Así, de xeito manual e unha a unha, comezaron as tarefas de mantemento da muralla de Lugo. Primeiro retirarase toda a vexetación do monumento.

Ten que ser un traballo manual para non danar en absoluto nin a pedra nin os morteiros, extraer o mínimo posible cada vez que se extrae unha planta. A prioridade absoluta é que as paredes da muralla sigan no estado no que estaban, explica Belén López, arquitecta da empresa responsable do mantemento.

Os labores de retirada da maleza comezaron hai uns días, momento en que os cirrios, especie protexida, deixaron o niño, pois, como cada ano, volven á cidade lucense para aniñar na Muralla. De aí que as tarefas de mantemento non se poidan realizar entre finais de marzo a setembro.

Neste senso engade Belén López, que está totalmente controlado por un biólogo especialista na nidificación e nos cirrios, é el quen marca os tempos de cando se poden iniciar os traballos. Amais fai un estudo exhaustivo dos parámetros da muralla nos que se intervén para detectar a presenza nalgún niño. No caso de que exista, retírase e vólvese a colocar no mesmo sitio exacto no que estaba. 

Amais da retirada manual da vexetación, están previstas realizar reparacións e tarefas de mantemento do adarve, como é no pavimento, nas vías de evacuación de augas ou na iluminación.

María José Gómez, xefa do Servizo de Cultura da Delegación Territorial en Lugo, explica que o mantemento e reparación engloba tamén toda a instalación eléctrica que hai na parte superior da muralla, así como calquera pequena actuación que haxa que facer por un pequeno derrube ou por danos nos muros ou nos accesos.

Prevese que estas tarefas de mantemento e reparación se prolonguen pouco máis de mes e medio, momento en que se volverá a ver a Muralla de Lugo en todo o seu esplendor.

Noticias web

01/10/2021