Tramitan xa as multas por violar o confinamento, con 34.000 propostas en Galicia

Comezan a tramitar as sancións propostas en Galicia por incumprir as normas establecidas durante o estado de alarma, segundo confirmaron fontes da Delegación do Goberno na comunidade.
Ata o de agora, propuxéronse 34.222 sancións, segundo os últimos datos achegados. Ademais, as forzas e corpos de seguridade do Estado detiveron 224 persoas. Segundo o balance facilitado polo Ministerio do Interior, ata o 2 de maio, o número total de detidos en todo o Estado por incumprir o estado de alarma ascende a 7.073.
Este balance inclúe as propostas de sanción, que ascenden a 786.323. En abril, o Ministerio do Interior dirixiu unha comunicación ás delegacións do Goberno para orientar e graduar a incoación de sancións a partir das actas que se están tramitando por incumprir o confinamento. As multas oscilaban entre os 601 euros e os 10.400 euros en aplicación da Lei de seguridade cidadá, tamén coñecida como lei mordaza.
Entre as propostas de sanción está a de 601 euros de multa por "desprazamento non autorizado sen circunstancias concorrentes". Se o infractor cometeu unha "actitude inapropiada, serán 2.000 euros se houbese "menosprezo" e 3.000 se houbo "intimidación, cando non constitúa infracción penal", xa que tamén é posible recorrer ao Código Penal, coa posibilidade de penas de cárcere.
Unha sanción de ata 10.400 euros, no caso de que o infractor amose "violencia ou ameaza". Incumprir o ditado polo real decreto do estado de alarma tamén pode levar multas de ata 10.400 euros se hai "organización ou participación en actividades en común, festexos ou celebracións".
Se persisten nas restricións de libre circulación contémplanse multas de 1.200 euros, pero se é en actividades non permitidas en establecementos comerciais ou industriais proponse elevar a multa a 2.000 euros.