Comeza a instalarse na Coruña o sistema de control de acceso ás praias
Catorce arcos coma este xa están colocados nos accesos a todos os areais urbanos da Coruña. O dispositivo leva incorporados uns sensores que contabilizan a entrada das persoas. Estará conectado a un sistema informático que ten rexistrada a capacidade de cada praia ao longo do día depedendo das mareas.
"Paréceme ben para que non se masifique o sitio e que non esteamos todos xuntos aí" " Polo menos xa sabemos se podemos entrar, iso non está mal. Con isto da pandemia hai que adaptarse, filla"
Son moitos os que pensan que ademais deste control o principal é a responsabilidade de cada un e a colaboración de todos.
"Iso haberá que velo, se a xente colabora un pouco pois fará efecto" " Supoño que a principal medida de precaución é a reponsabilidade de cada un. Se cada un garda as distancias, utiliza as máscaras e demais pois igual non é necesario, aínda que co bo tempo algunha medida de control na praia ten que haber"
Os arcos levan incorporados un semáforo, o que significa que coa luz vermella xa non podemos entrar na praia
"Chegar aquí e que che apareza en vermello non che fai graza ningunha. Entón era mellor regulalo un pouco, non sei cunha aplicación ou como..."
A Policía Local coordinará todo este operativo desde un centro de control que xa está instalado na Coiraza do Orzán e que permanecerá aberto todo o verán.