CRTVG

Buscar

Comezan a facer medicións na cheminea do volcán para analizar os gases emanados

Publicado o 23/09/2021 11:28

• O rei visita as zonas afectadas xunto co presidente do Goberno

Buscan mellores aloxamentos para os evacuados

Unha espesa capa de cinsa cobre toda a zona oeste da illa da Palma. A lava xa sepultou máis de 150 hectáreas. Un dato que o sistema de observación terrestre europeo Copernicus eleva a máis e 166 hectáreas, e cifra en 350 os inmobles destruidos.

A coada principal, que cada vez se bifurca máis, minora o seu avance e móvese a uns catro metros por hora, polo aumento da súa viscosidade e porque a lava se detén para encher os ocos do terreo. Este descenso do ritmo de avance leva os expertos a preveren a posibilidade de que a coada principal non desemboque no mar. 

E mentres ese avance vai máis lento medra a altura da lingua de lava, que se sitúa agora entre os 8 e os 15 metros.

A evolución do volcán non seguiu unha pauta predicible ao cen por cento, así que o que poida suceder nas próximas horas ou días segue sendo unha incógnita. Preocupan os danos que poden producir tanto a cinsa coma os gases tóxicos.

O Grupo de Intervención de Emerxencias Tecnolóxicas e Ambientais do Ministerio de Defensa e técnicos do Instituto Xeolóxico Nacional comezaron a facer medicións na cheminea do volcán para analizar os gases xerados pola erupción

O xestor de navegación aérea, Enaire, estableceu áreas temporalmente restrinxidas do espazo aéreo nos municipios do Paso e Os Llanos de Aridane para o sobrevoo en zonas de mar e terra por baixo dos 3.000 pés. Non obstante, aclarou que esa restrición non se debe as gases, senón dunha medida para evitar voos pola zona de drons particulares ou de medios de comunicación.

Desde o Departamento de Seguridade Nacional (DSN) recordan que entre hoxe e mañá está prevista a posibilidade de que os gases do volcán a 3.000 metros de altitude "comecen a desprazarse ao este ou nordeste, mentres que a 1.500 metros, a tendencia das emisións apunta ao suroeste e sur".

En relación á calidade do aire, o DSN sinala que "con respecto á posibilidade de chuvias ácidas non hai risco de interacción química e, en caso de producirse, non tería efectos a curto prazo".

Mentres tanto, a axuda ás case 6.000 persoas que tiveron que abandonar os seus fogares e os seus traballos por mor da lava do volcán increméntase día a día.

O presidente de Canarias, Ángel Víctor Torres, anunciou onte o comezo dos realoxamentos de parte dos 137 afectados polas coadas que se hospedaron desde o domingo no cuartel de Breña Baja en centros sociosanitarios, nun hotel do municipio de Fuencaliente e noutros recursos que se están habilitando para estar dispoñibles nos próximos días.

Á axuda que prestan a Administración e as institucións aos afectados sumouse a oferta das patronais da banca española AEB, CECA e Unacc e a xestora de activos inmobiliarios Sareb de poñer ao dispor dos afectados as vivendas que teñan dispoñibles na illa "de forma gratuíta e mentres sexa necesario" para contribuír ao seu realoxamento temporal.

Os reis viaxan este xoves á Palma para brindarlles o seu apoio e solidariedade aos damnificados.

Filipe VI e Letizia Ortiz están acompañados polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que regresou á illa tras voar directamente desde Nova York, onde interveu na Asemblea Xeral de Nacións Unidas, así como polo presidente de Canarias, Ángel Víctor Torres, e o do Cabido da Palma, Mariano Hernández Zapata, e outras autoridades.

Noticias web

23/09/2021