Comezan a fabricarse na planta de Citroën de Vigo as primeiras furgonetas Toyota
A fabricación na factoría viguesa dunha nova furgoneta comercial para a marca Toyota xa é unha realidade. A planta xa traballa na produción do novo modelo polo que cumprirá cos prazos previstos e as primeiras unidades sairán da fábrica de Balaídos a finais deste ano, para comezar a comercializarse no 2020.
Deste xeito, Toyota pasa a formar parte da lista de marcas producidas no centro vigués xunto a Opel, Citroën, Peugeot e Vauxhall. A chegada da furgoneta de Toyota a Vigo é froito dun novo capítulo do acordo de colaboración que manteñen as dúas firmas desde hai anos.
A fabricación do novo vehículo da marca nipoa asegura a fabricación de polo menos 30.000 vehículos máis ao ano para a próxima década. Isto levaría a planta a superar o limiar das 550.000 unidades anuais.