CRTVG

Buscar

Comeza un San Froilán atípico: sen casetas do polbo pero finalmente con barracas

Publicado o 04/10/2021 21:53

O pregón da presidenta de Cogami, Marisol Bravos, daba o tiro de saída a un San Froilán atípico marcado pola pandemia. Non haberá casetas do polbo, pero si atraccións.

Logo dunha carreira contra o reloxo a maioría dos feirantes puideron por fin poñer en marcha as súas atraccións. A chuvia non acompañaba moito esta tarde, pero os máis madrugadores achegáronse xa para desfrutar das barracas. A gran novidade este ano é que a pandemia deixounos sen as tradicionais casetas do polbo no recinto feiral. A cambio, moitos locais instalaron caldeiros que ademais ofrecen a posibilidade de levar o polbo para a casa.

Van ser nove intensos días de troula con máis de cincuenta concertos, animación na rúa e outras moitas actividades marcadas, loxicamente, polas restricións derivadas do protocolo de seguridade. Polos tres escenarios instalados no centro de Lugo pasarán moitos grupos locais e tamén artistas como el Drogas, Sidecars ou Tanxugueiras, o grupo galego favorito para Eurovisión. Volven ademais as verbenas con orquestas galegas.

Comeza un San Froilán pandémico con moitas medidas de seguridade para gozar da festa con todas as garantías. Logo do San Froilán reducido do ano pasado, os lugueses tiñan xa moitas ganas de festa. As grandes ausentes serán as casetas do polbo, xa que ningún hostaleiro quixo arriscarse a instalalas por medo a perder cartos. Pero como alternativa, atopamos bares e restaurantes que contan con caldeiros.

As festas vanse prolongar ata o vindeiro día 12. O programa inclúe máis de 50 concertos e animación na rúa. Iso si, todo con estritas medidas de seguridade e límite de espectadores. As entradas para os concertos, de balde, xa se ofertaron na web municipal e a maioría esgotáronse. De feito o Concello detectou revenda de tíckets nas redes sociais, algo ilegal que xa denunciou á policía.

Noticias web

04/10/2021