Comeza un Arde Lucus atípico, onde case toda a programación será virtual
Os fundadores de Lucus Augusti quedaron sós neste Arde Lucus atípico. A pandemia obrigou a suspender a festa e xa non hai os tradicionais campamentos, pero para manter vivo o seu espírito o Concello convocou concursos de decoración de fiestras, escaparates e balcóns e tamén de caracterización animando a xente a colgar as súas fotos vestidos de romanos e castrexos.
"A nosa mensaxe foi sempre decorar os locais, vestirse coas galas de romanos e castrexos, pero facer a vida normal cada un co xel, as máscaras de seguridade, a prudencia e a distancia", sinala Luis Latorre da asociación Lugo Monumental.
Desta volta a maior parte da programación será virtual con actividades que as diversas asociacións de recreación histórica foron gravando en días pasados e que agora se colgarán nas redes sociais.
"No programa de actividades hai cousas das asociacións dende vídeos promocionais ata o acendido do lume... pero todo virtual", sinala Luis Latorre, da asociación Lugo Monumental.
Imaxes coma estas, de festas pasadas, nada terán que ver coas deste ano, con todo mantéñense pequenos actos presenciais como as vodas celtas baixo cita previa e mesmo haberá algún desfile de tropas pero con menos xente e mantendo as normas de seguridade.