CRTVG

Buscar

Comeza o xuízo polo crime na rúa da Estrela, na Coruña

Publicado o 13/10/2020 14:48

Comezou na Coruña o xuízo polo crime na rúa da Estrela. Os feitos aconteceron o 18 de xullo de 2018, no domicilio que a vítima e mailo acusado compartían nesta céntrica rúa da Estrela, na Coruña. Segundo o escrito da Fiscalía, aquela tarde, o procesado cortou cun coitelo o pescozo da súa muller que estaba medicada e deitada na cama, sen posibilidade de reacción.

Previamente aos feitos, a muller, que padecía unha forte depresión, protagonizara un intento de suicidio unha semana antes. Malia que daquela se recomendara o seu ingreso, o investigado, segundo o Ministerio Público, insistiu en que non quedara ingresada no hospital de Oza e comprometeuse á súa vixilancia e a iniciar o tratamento a nivel ambulatorio coa supervisión estreita e permanente pola súa parte no domicilio familiar.

Pese a isto, decidiu acabar coa súa vida, segundo a acusación pública, menosprezando a súa condición de muller e para librarse dela por estar agobiado polas atencións que lle tiña que prestar.

A Fiscalía acúsao dun delito de asasinato con aleivosía coas agravantes de parentesco e de xénero. Pide para el 25 anos de cadea e unha indemnización de 90.000 euros para os tres fillos da falecida.

A acusación particular solicita prisión permanente revisable.

"Consideran que hai aleivosía, asañamento, aproveitamento dunha situación de discapacidade desta persoa, agravante de xénero e parentesco. Practicamente, todo o Código Penal. A defensa o que pide é que castiguen este home polo que fixo e non polo que din que fixo. Non é o mesmo falar de asasinato que dun suposto de asistencia a unha persoa que quere morrer", explica José Ramón Sierra, o avogado da defensa.

A defensa entende que como moito corresponeríanlle dez anos de cadea. Un xurado popular, que quedou constituído ao longo desta mañá, será quen decida o veredicto.

Noticias web

13/10/2020