CRTVG

Buscar

Comeza o xuízo pola caixa B do Partido Popular

Publicado o 08/02/2021 13:02

Oito anos despois de desvelar, en 2013, que existía unha caixa B no Partido Popular, que xa se confirmou no xuízo da Gürtel, o extesoureiro Luis Bárcenas volve sentar no banco dos acusados. Acusa o que foi o seu partido durante 20 anos de financiamento irregular institucionalizado desde 1982 e ameaza con achegar probas.

A semana pasada, Bárcenas enviaba unha carta á Fiscalía en que daba detalles sobre esas presuntas prácticas corruptas do PP, do que culpabilizada á antiga cúpula encabezada por Mariano Rajoy, a quen supostamente lle mostrou en 2009 as probas desa caixa B. Aseguraba que esa contabilidade paralela se nutría de donativos en negro de grandes empresas a cambio de adxudicacións públicas. Parte deses cartos destináronse, segundo o extesoureiro, á reforma da sede Génova. A principal proba de todo isto son os chamados "papeis de Bárcenas".

O extesoureiro ofrécese a seguir colaborando coa xustiza tras sentirse traizoado polo PP, asegura, co que supostamente negociara que a súa muller Rosalía Iglesias nunca entraría en prisión.


Nunha entrevista ao xornal El Mundo esta fin de semana, o extesoureiro afirma que negociou con dúas persoas do PP actual para pór fin á guerra. Pero pouco despois, o seu avogado matizaba que nin eses contactos foran actuais nin foran coa dirección actual do PP.

A dirección nacional do partido emitía un comunicado en que asegura que nunca falaron con delincuentes e avisa de que denunciarán calquera infundio ou calumnia.

O venres, o presidente Casado desvencellábase das acusacións da caixa B. Dicía que era cousa do pasado. Onte, nun mitin en Barcelona, sen nomear a Bárcenas, defendía a honestidade do partido que preside.

Pablo Casado, presidente do PP: "Estou orgulloso do PP que naceu nas aldeas, honesto, honrado, dos militantes que poñían o seu dinero para defender o seu ideal dunha España mellor".

Durante os tres meses que vai durar o xuízo, ata o 20 de maio, pasarán pola Audiencia Nacional decenas de testemuñas, entre elas os expresidentes José María Aznar e Mariano Rajoy. Tamén os exsecretarios xerais do partido Arenas, Cascos, Acebes e Cospedal. Todos, segundo os papeis de Bárcenas, presuntos preceptores de sobresoldos. A Fiscalía pide para o extesoureiro 5 anos de prisión.

 

Noticias web

08/02/2021