CRTVG

Buscar

O acusado polo incendio de Ribeira, ex-voluntario de Protección Civil, nega os feitos

Publicado o 13/03/2019 13:52

Na sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña con sede en Santiago comezou o xuízo contra o único acusado polos incendios provocados o 27 de agosto de 2013 en núcleos próximos a Ribeira. Fiscalía e defensa opuxéronse á petición de nulidade das actuacións solicitadas pola defensa que considera que se vulneraron garantías constitucionais do seu defendido no transcurso da detención e e toma de declaración.

O acusado, un veciño de Ribeira de 32 anos e ex-voluntario de Protección Civil, asegurou non ter relación ningunha cos feitos. Dixo que ese día, ás oito e cuarto da tarde, cando se iniciou o incendio, estaba cun amigo nunha granxa de Monte Vixán e que contra as 9 e media da noite o chamaron de Protección Civil para participar nos labores de abastecemento de auga dos camións de extinción de incendios.

Sobre o dia da detención dixo que o 20 de maio acudiu á Policía Local de Ribeira tras ser requirido alí polo xefe de Protección Civil para falar sobre os incendios. Asegura que alí o presionarion dicíndolle que tiñan testemuñas e vídeos onde se lle vía a el para que se declarara culpable. Unha versión que se contradí co declarado por un dos axentes da Policía Autonómica que estivo á fronte das investigacións e que asegurou que o acusado se presentou na comisaria voluntarimente negando inicalmente os feitos e declarando despois que provocara o incendio accidentalmente.

A través da proxección de varios vídeos a defensa tratou de desmontar a versión dalgunha testemuña que di que o acusado foi dos primeiros en presentarse no dispositivo de extinción. Vídeos en que tamén se observa unha persoa, coa que o acusado non se identifica, que se mete polo camiño da Carballa , en Palmeira, e minutos despois comezan a verse dúas columnas de fume.

O xuízo prosegue mañá coas declaracións dos peritos e cunha testemuña clave, solicitada pola defensa que malia que estaba previsto que declarase por videoconferencia por residir nos Estados Unidos, decidiu trasladarse ata Santiago. Esta testemuña sitúa o acusado na granxa de Monte Vixán á hora que se iniciaron os incendios.

Noticias web

13/03/2019