O frade do Cebreiro acusado de abusos di que as relacións foron consentidas
Na Audiencia de Lugo comezou o xuízo contra o frade do Cebreiro acusado de abusar sexualmente de dúas persoas: unha rapaza menor de idade, e un curmán dela, os dous con discapacidade psíquica. Na primeira sesión declarou o acusado, que recoñeceu as relacións sexuais coa rapaza, pero asegurou que foron consentidas.
O frade asegurou que as relacións sexuais foron a iniciativa da moza, que el descoñecía que fose menor de idade, e que se deixou levar porque sufría unha depresión. Tamén dixo que foi idea dos dous faceren fotografías de carácter sexual. E negou o abuso contra un curmán da rapaza, tamén con discapacidade psíquica. Esta tarde estaban previstas as declaracións das vítimas, a porta pechada, pero finalmente quedaron aprazadas. A Fiscalía pide para o acusado 17 anos de cadea por abusos sexuais continuados e por elaboración de material pornográfico coa menor, e tamén por abusar do mozo.
Enfróntase a 17 anos de cadea por supostos abusos sexuais a unha rapaza de 16 anos e ao seu curmán, que ten unha discapacidade. Xosé Quintela, o frade que atendeu durante cinco anos o santuario do Cebreiro, declarou na Audiencia de Lugo que coñeceu a moza nas redes sociais e que en ningún momento pensou que fose menor de idade polo estilo de vida que levaba. Quintela, que no momento dos feitos tiña 56 anos, negou que lle fixese tocamentos ao mozo.
O que si admitiu foron as relacións sexuais coa rapaza, tanto nunha casa familiar de Trives coma na propia sancristía do Cebreiro. Afirmou que sempre se deixou levar porque atravesaba unha etapa depresiva, e que a primeira relación produciuse despois de que a denunciante lle dese unha masaxe. Logo os encontros repetíronse e nalgunhas ocasions o frade deulle cartos, malia que hoxe matizou que non foi a cambio de sexo, senón para axudala nas súas necesidades básicas, coñecedor da situación precaria da súa familia. En canto á acusación de elaborar material pornográfico coa menor, asegurou que foi idea dos dous facerse fotografías, nalgúns casos imitando instantáneas que viran nunha web porno.