CRTVG

Buscar

Comeza o estudo para coñecer a dimensión real da COVID-19 en España

Publicado o 27/04/2020 07:42

O estudo de seroprevalencia para coñecer a dimensión real da epidemia da COVID-19, en que se recollerán os datos provincial e localmente e tamén por idade e sexo, comezará a realizarse este luns en todo o territorio.

Para levar a cabo o estudo realizarase un primeiro test rápido de anticorpos (unha mostra de sangue) e despois farase unha segunda proba de anticorpos do soro, para a que se requirirá persoal sanitario especializado.

Realizarase en tres ondas, cun intervalo de 21 días entre cada unha, para ver "a evolución dinámica da enfermidade", un dato moi relevante para o Ministerio de Sanidade.

Sanidade explicou que a investigación ofrecerá ademais información do comportamento da transmisión do virus dentro dos fogares despois de seis semanas de confinamento.

"O gran valor do estudo é a súa representatividade. Representa a toda a sociedade, nenos, anciáns, todos os grupos de idades en disrtintos territorios. E, ademais non só pacientes que teñan síntomas senón tamén asintomáticos", dixo Raquel Yotti, directora do Instituto de Saúde Carlos III.

Para levar a cabo este estudo, seleccionouse un total de 36.000 fogares cunha media de 2,5 membros cada un.

Aínda que a participación é voluntaria, pediuse ás familias seleccionadas aleatoriamente que na medida do posible colaboren, porque iso axudará a ter "esta foto real da epidemia", en palabras do ministro de Sanidade, Salvador Illa.