Comeza a derruba do paso elevado do antigo 'scalextric' en Vigo
Primeiros problemas en Vigo polo corte do acceso á AP-9 dende a rúa Lepanto. O peche ao tráfico para derrubar o paso elevado sobre a rúa Alfonso XIII obriga os condutores a buscar alternativas para acceder á autoestrada.
A algúns condutores pillounos por sorpresa: "É a primeira vez que veño por aquí e atópome que está pechada a rúa, vou dar unha voltiña, a ver se consigo saír de Vigo". "Nós somos do Porriño, e eu non o sabía, tiven que desviarme un montón e dar moita volta para chegar aquí. Estanos afectando un pouquiño, pero o que quere melloras, necesita obras", afirma outra condutora.
Uns miran con nostalxia os últimos restos do 'scalextric' que chegou a converterse nun símbolo do feísmo en Vigo, e outros por temas máis prácticos.
Este acceso á AP-9 estará pechado ata o mes de outubro, para a construción do túnel de entrada e o acceso á estación intermodal. Logo das obras da Gran Vía, a veciños e condutores espéraos unha temporada dura cos traballos en Vialia e Vía Norte.
Hai mozos que saben do tema polos seus pais: "Eu véxoo ben, dicíanme meus pais que antigamente co tema do 'scalextric', que pasaban os coches por alí enriba, miraban todo o que facían dentro das casas. E logo o tema dos camións que pasan polo medio da cidade..., que o fagan canto antes, moito mellor" .
Atrás quedarán imaxes de moitísimos camións e vehículos atrapados nun paso elevado que ten os días contados.