CRTVG

Buscar

Comeza o congreso do PPdeG co obxectivo de "rearmarse" para as próximas eleccións

Publicado o 16/07/2021 14:16

O Partido Popular de Galicia celebra esta tarde o seu décimo sétimo congreso baixo o lema "Un camiño por percorrer". 

Vaise celebrar no Multiusos Fontes do Sar de Santiago en vez de en Pontevedra, como estaba previsto antes do aumento da incidencia da covid−19. Miguel Tellado explicou que por mor diso se reduciu o número de compromisarios de 2.000 a 800 e o de convidados de 800 a 300. Os principais líderes estatais e territoriais do PP español van participar no congreso dos populares galegos.

Os relatorios que se van debater falan dunha baixada xeral dos impostos de titularidade autonómica para axudar a recuperación económica e de mellora dos servizos públicos. O PPdeG espera que a reunión sexa un reforzo para o partido de cara ás vindeiras citas electorais.

"Un congreso do que esperamos que o Partido Popular saia rearmado para gañar, en primeiro lugar, as ppróximas eleccións municipais, a continuación ser determinantes na vitoria electoral de Pablo Casado e prepararnos e rearmarnos para unha quinta vitoria consecutiva do Partido Popular de Galicia nas eleccións autonómicas cando chegue o momento", afirmou Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG.

Noticias web

16/07/2021