CRTVG

Buscar

Comeza en Galicia un ensaio con plasma hiperinmune de pacientes de covid-19

Publicado o 24/11/2020 14:19

A Axencia Galega de Doazón de Órganos, Sangue e Tecidos, a ADOS, inicia un ensaio clínico con plasma hiperinmune de pacientes de covid. Hai expectativas altas sobre a súa eficacia para tratar a enfermidade. Trátase de plasma de pacientes que xa pasaron a enfermidade e desenvolveron unha inmunidade forte fronte á covid-19.

Xa se recolleron en abril as primeiras doazóns, que foron usadas en tratamentos experimentais. Agora hai dispoñibles 250 unidades de plasma que se van empregar neste importante ensaio clínico.

O ensaio desenvolverase simultaneamente en todos os hospitais galegos. Entre os primeiros doantes hai facultativos que pasaron a covid na primeira onda da pandemia, como o cirurxián torácico Andrés Obeso. 

"Empecei a atoparme mal xusto o día que se declarou o estado de alarma. Logo recupereime completamente e a partir de aí foi cando se puxo en contacto conmigo o servizo de hematoloxía para ofrecerme esa posibilidade de doazón", explica o doutor.

Grazas á doazón altruísta de pacientes coma el, xa curados, hai agora 250 unidades de plasma dispoñibles para este estudo clínico. Abranguerá 200 pacientes voluntarios, dos que a metade recibirán este tratamento. A Axencia de Doazón de Órganos ten expectativas fundadas na súa eficacia.

Marisa López García, presidenta da ADOS, explica que "previsiblemnete ten un alto poder de curación ou polo menos pode contribuír nun momento que non temos unha única terapia".

"Hai estudos que din que pode haber unha melloría na sintomatoloxía, na radioloxía e que pode diminuir a mortalidade dos pacientes graves", engade o doutor Andrés Obeso Carillo.

Unha solución terapeútica que xa funcionou co SARS-COVID-1 e co H1N1 e que podería combinarse coa medicación dispoñible. Investígase tamén en que momento debe administrarse o plasma, ou para que pacientes está máis indicado.

Noticias web

24/11/2020