CRTVG

Buscar

Comeza a inmunización simultánea contra os virus da gripe e da covid

Publicado o 25/10/2021 15:09

• Os maiores de 80 anos reforzan a inmunidade cunha terceira picada da vacina contra o coronavirus

• O novo sistema de citas na Atención Primaria inicia as súas probas

Este luns foron vacinadas 12.000 persoas. En total son 210.000, todos os galegos maiores de 80 que non viven en residencias.

Dende hoxe e nas próximas catro semanas, así que cumpran seis meses desde que lles puxeron a segunda dose contra a covid−19, vanos convocar nos centros de saúde de cabeceira para poñer a terceira. E no momento de poñela ofrécenlles poñer tamén a da gripe. Os maiores de 80 son o único grupo de idade que vai ter oportunidade de poñer as dúas vacinas xuntas.

Teñen máis de 80 anos e pasaron seis meses dende a segunda dose contra a covid−19. Hoxe acoden de novo á cita no seu centro de saúde de cabeceira. Convocáronos para poñer a terceira dose.

Ofrécenlles vacinarse ao tempo contra os dous virus. A terceira vacina da covid−19 reforza a súa inmunidade fronte ao contaxio, que nos maiores diminúe lixeiramente transcorridos seis meses.

Da da covid−19 xa van pola terceira e da vacina da gripe xa coñecen os efectos. No caso de contraela, pásana como un catarro leve.

Soraya Meijome, coordinadora de enfermería do centro de saúde de Valga, explica: "Ata agora poñíase cunha separación dunha semana a vacina da covid−19 con respecto doutras vacinas, pero os estudos demostraron que se pode vacinar no mesmo días, simultaneamente, en lugares anatómicos diferentes. Se non fixamos na pediatría, por exemplo, os cativos levan moitas vacinas no mesmo día. Como moito, poden ter unha reacción local, dor ou endurecemento, e pouco máis".

Algúns dos que se vacinaron hoxe lembran a boa experiencia coas primeiras doses, que non lle deron reacción ningunha. Tamén explican que queren estar ao día. Así que hoxe puxéronse ao día uns 12.000 galegos e galegas maiores de 80 anos. Durante un mes iranos chamando a todos, 210.000 en total, para ofrecerlles esta dobre inmunidade.

Noticias web

25/10/2021