CRTVG

Buscar

Comeza en Compostela a segunda edición de Plataforma, o Festival de Artes Performativas

Publicado o 26/05/2021 20:51

O Plataforma cárgase este ano dun especial simbolismo. Despois de meses pechados, confinados ou perimetrados, o Festival de Artes Performativas convídanos a movernos libremente pola cidade.

"Queremos utilizar a maior parte dos espazos abertos posibles para que o público que vai ver as performances para que ademais do público, visitantes ou paseantes que estean pola cidade se atopen con algo inesperado", explica Iñaki Martínez Antelo, codirector do Festival de Artes Performativas.

Movemento e tamén comunicación. O festival convida á interacción entre artistas de distintos eidos e distintos lugares: "Pilar Albarracín vai traballar co grupo de baile Brincadeira; a artista catalá Laia Estruch vai traballar co grupo compostelán Samesugas... Para os artistas de aquí é importante recibir estes estímulos e os artistas de fóra non se limitan a facer algo que poderían facer en calquera parte senón que fan algo específico pensado para Compostela e para Galicia".

O Plataforma desenvolverase en Compostela ata o 5 de xuño. As entradas son de balde, pero cómpre facer a reserva na páxina web plataforma.gal. Debido aos protocolos sanitarios da covid, o público deberá acudir ao espectáculo media hora antes do seu comezo.

Noticias web

26/05/2021