CRTVG

Buscar

Comeza en Alemaña o macroxuízo contra Volkswagen polo 'dieselgate'

Publicado o 30/09/2019 13:46

Comezou en Alemaña o macroxuízo contra Volkswagen polo coñecido como dieselgate. Preto de medio millón de persoas sumáronse a esta demanda colectiva contra a empresa automobilística por falsear deliberadamente os datos das emisións contaminantes dos seus vehículos.

A desta mañá foi só a primeira audiencia dun proceso que se pode prolongar durante varios anos.

Trátase do macroxuízo derivado da demanda colectiva que se presenta en Alemaña contra Volkswagen por falsear os controis dos gases contaminantes.

Á demanda sumáronse máis de 450.000 persoas, e chega catro anos despois de que a empresa recoñecera que instalara en once millóns de coches un dispositivo que facía que parecesen menos contaminantes do que en realidade eran.

Os consumidores queren unha condena por provocar prexuízos e por actuar en contra da ética, pero Volkswagen alega que ao non haber danos non ten sentido esta petición.

En calquera caso, se a empresa fose condenada polo denominado dieselgate non tería que pagar nada, porque despois sería cada demandante quen terá que reclamar a título individual.

A asociación de consumidores ofreceu un acordo amigable e aceptaría mil euros por coche pero a empresa respondeu que era pouco imaxinable algo así. Varios dos seus executivos foron acusados pola fiscalía de manipular a cotización en bolsa informando deliberadamente tarde dos riscos deste escándalo que xa lle custou á empresa máis de 30.000 millóns de euros en multas e indemnizacións.

Noticias web

30/09/2019