CRTVG

Buscar

Comeza a vendima na Ribeira Sacra e agardan superar os sete millóns de quilos de uva

Publicado o 28/08/2019 16:24

Estamos xa a finais de agosto e na Ribeira Sacra xa hai algunha adega que comezou a vendima, en concreto na subzona de Amandi. O Consello Regulador está a realizar os controis de maduración da uva e nos vindeiros días fixarase a data de inicio oficial.  Todo apunta a que a deste ano será unha colleita excelente, e agardan superar os 7 millóns de quilos de uva.

Unha adega da subzona de Amandi foi a primeira en comezar a vendima na Ribeira Sacra. A uva que están a recoller é branca, da variedade godello. Encóntrase nunha viña na solaina e moi preto do río, polo que madura antes que o resto.

Jorge Carnero, viticultor: "Por unha parte, esta é unha viña dunha maduración temperá debido á altitude e á orientación. É unha viña con pouca terra e con moita pedra e iso axuda a unha maduración pronta. Ademais, o godello é a variedade que antes vén."

O adegueiro que se adiantou ao resto é o danés Martin Damm. Chegou hai tres anos na procura da terra onde se cultivan os caldos que o deixaron fascinado pola súa calidade.

Martin Damm, adegueiro: "Hai moitísima personalidade no sabor de aquí, que é moi distinto ao doutras zonas, non só de España senón de todo o mundo. Se o sabor é tan particular é pola terra tan pobre e rochosa, que fai que as cepas teñan que traballar moito para buscaren a vida. Por iso son viños tan mineirais, que é o que me esperta o interese."

O Consello Regulador da Ribeira Sacra, que está a realizar os controis de maduración, fixará a data de inicio oficial da vendima nos días vindeiros. Agardan superar os 7 millóns de quilos de uva, que este ano se encontra nun estado sanitario moi bo, polo que todo indica que a de 2019 será unha colleita excelente.

 







 

Noticias web

28/08/2019