CRTVG

Buscar

Comeza a veda do polbo en Galicia e ata o 1 de xullo non o haberá no mercado

Publicado o 17/05/2019 15:29

Comeza hoxe a veda do polbo en Galicia. Ata o 1 de xullo non haberá cefalópodo fresco das nosas rías nos mercados. Péchase unha campaña caracterizada por unhas capturas modestas en cantidade, e prezos elevados. O polbo cotizouse de media a 9 euros o quilo na lonxa. Os produtores explican a suba dos prezos, precisamente pola combinación de: escaseza de polbo, elevada demanda e a apertura de novos mercados estranxeiros que consomen o produto.

Malia que a veda comeza hoxe, os barcos xa retiraron as nasas do mar hai días. Pero o peche da campaña non significa descanso. A actividade continúa, como comprobamos esta mesma mañá no porto de Camariñas. Neste mes e medio que dura a veda do polbo aproveitan para preparar os aparellos e os barcos para a próxima campaña ou cambian de artes.

Durante a campaña que se pecha hoxe, comercializáronse en Galicia 2.000 toneladas de polbo a unha media de 9 euros o quilo. As capturas foron modestas, pero compensaron os prezos.

Para os consumidores, o prezo do polbo triplicouse nos últimos 8 anos. Para explicar esa escalada, os produtores apuntan á escaseza do produto e ao aumento da demanda.

Esta imaxe non se repetirá nos mercados ata o vindeiro 1 de xullo. O polbo que lles ofrezan a partir de hoxe, ou é conxelado ou non é galego.
 

Noticias web

17/05/2019