CRTVG

Buscar

Comeza a vacinación para os nacidos nos anos 90

Publicado o 22/07/2021 19:39

Chégoulles a quenda aos nacidos nos anos 90. Pablo Domínguez, coordinador de vacinación, explica que "comezamos cos menores de 30 hoxe, sobre 1.000 persoas. Ata agora había bastantes vacinas en stock de xuño e xullo e, habéndoas, si que se vai avanzando".

Os deste xoves en Compostela son a avanzada dos que o luns comezarán a ser vacinados de forma masiva, dúas semanas antes do previsto "Estamos contentos porque xa que se estea vacinando a xente da nosa idade é un avance moi grande". "Un pouco nerviosa, pero ben. Non me gustan moito as agullas". "Con ánimo de protexernos un pouco todos e poder volver á normalidade". "Agora xa nos toca, darnos a primeira dose e que veña axiña a seguinte e a ver se así conseguimos acabar", contan algúns destes mozos de 29 anos.

Póñenlles a vacina de Moderna, un pasaporte cara á saúde e cara a outros privilexios. Pablo Domínguez, coordinador de vacinación, admite que "o do certificado para viaxar si que é algo polo que amosan moito interese, como facer para sacalo, se se pode sacar no momento, se hai que esperar". Unha moza engade: "poder ir a algún concerto, ver os amigos con máis tranquilidade, que ata agora estabamos un pouco nerviosos".

O grupo de 20 a 30 anos cuadriplica a taxa media de incidencia en Galicia. Unha muller explica que "somos os que máis incidencia ten porque somos os que estamos aínda sen vacinar, é lóxica pura, e tamén somos os que máis contactos temos". Durante algús días compartirán ringleira cos maiores de 30 anos, un grupo que esta semana deberían completar a primeira dose.
 

Noticias web

22/07/2021