CRTVG

Buscar

Galicia inicia a vacinación dos rapaces de entre 14 e 16 anos

Publicado o 25/08/2021 09:04

• Os mozos precisan dun consentimento dos pais ou titores para recibiren a primeira dose, que será de Pfizer

A actividade é intensísima hoxe nos recintos de vacinación. Só nesta xornada están convocados 40.000 rapaces e rapazas de entre 14 e 16 anos que ademais acoden acompañados, polo que unhas 80.000 persoas moveranse nas próximas horas nos arredores dos 14 recintos de vacinación de Galicia. É o empurrón definitivo á vacinación dos menores, que se completa mañá con outros 22.000 convocados e que situaría Galicia nun novo fito: os catros millóns de doses administradas.

Inocularáselles a vacina de Pfizer. Están citados tamén os que teñen 13 e fan 14 este ano.Ao ser menores, os rapaces ata 15 anos deben acudir á súa cita cun consentimento asinado polos pais ou titores. Coa vacinación deste grupo de idade preténdese un inicio de curso máis seguro, se todo vai ben e seguindo os prazos para a segunda dose, tanto de Pfizer como de Moderna, para a semana do 13 ao 19 de setembro comezará o curso con todo o alumnado, o maior de 12 anos, coa pauta completa.

A frase máis repetida hoxe entre os pais, e interiorizada tamén polos máis novos é que hai que seguir protexéndose.

Chegarán ás aulas coa lección da quinta onda ben aprendida: as vacinas reducen a posibilidade de contraer a enfermidade e de desenvolver síntomas graves, pero que hai que continuar coas medidas preventivas para evitar a transmisión.

A vacinación dos menores de 12 e 13 anos superou o 80 %

Sanidade prepara a incorporación de todas as persoas que quedaron sen vacinar unha vez remate a dos rapaces de 14 a 16 anos. O conselleiro de Sanidade non oculta a satisfacción pola elevada participación do grupo dos máis pequenos.

"Foi quen de vacinar máis de 33.000 rapaces de entre 12 e 13 anos que acudiron á cita nunha porcentaxe moi alta. Queremos agradecer o esforzo dos pais e dos propios rapaces de acudir nun promedio por riba do 80 % dos convocados", explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña

Agora a prioridade son as mulleres embarazadas, ás que o comité clínico fai un chamamento especial. Tras dúbidas iniciais hai consenso científico de que deben facelo canto antes.

"Estámoslles pedindo aos médicos que localicen este grupo de mulleres e as convenzan e lles trasladen a necesidade de vacinarse o antes posible", dixo o conselleiro. 

As mulleres embarazadas tamén poden solicitar a cita de xeito automático no teléfono 981 21 59 30.

E Sanidade tamén confirmou que se adianta a vacinación das persoas que acaban de pasar a covid.

"Galicia vai comezar a vacinar esas persoas xustamente despois do remate da súa situación clínica. Iniciaremos a vacinación cando lles dean a alta epidemiolóxica e non teñan ningún tipo de síntoma", avanzou Comesaña.

A previsión é comezar a citalos cando remate a convocatoria por grupos de idade.

Noticias web

25/08/2021