CRTVG

Buscar

Comeza a vacinación contra o coronavirus en toda España

Publicado o 27/12/2020 15:04


Foi a imaxe do día en todas as comunidades autónomas. Dende primeiras horas, os furgóns escoltados polas forzas de seguridade chegaban aos hospitais cos cargamentos da vacina de Pfizer contra a covid-19, para posteriormente achegalos aos centros de vacinación.

En Madrid, que confirmaba onte a presenza da variedade británica do coronavirus en catro pacientes, tamén se acollía a chegada da formulación estadounidense con moitas expectativas. Durante o día de hoxe distribuiranse 1.200 doses en tres residencias de maiores. Tamén en Cataluña, concretamente nunha residencia de L'Hospitalet de Llobregat, inocularanse 1.600 vacinas, ainda que a partir de mañá esa cantidade chegará a 60.000 unidades semanais.

No País Vasco, iniciaban o proceso con 405 doses, que se multiplicarán ao longo da semana.

Para Gotzone Sagardui, conselleira de Saúde do Goberno Vasco, o día de hoxe é "sen dúbida ningunha é un día significativo. Malia que a entrega de doses é simbólica, comeza unha nova etapa nesta loita contra a pandemia".

En Aragón, procedente do centro único de distribución de Guadalaxara, entregábanse no hospital clínico de Zaragoza un total de 315 doses. Pouco despois levábanse a Residencia Romareda para comezar a vacinación dos pacientes. No mes de xaneiro as autoridades aragonesas esperan administrar a vacina a unhas trinta mil persoas.

Mentres, en Asturias, celebrábase con aplausos a chegada das primeiras 320 doses. Foi unha residencia de Xixón onde se practicaron as primeiras vacinacións. Pepita Paleo, de 80 anos, foi a primeira paciente en recibila no Principado. "Pasei por tantas cousas que non tiña medo á vacina", afirmou.

Este primeiro día de vacinación é testemuñal, xa que será a partir de mañá cando comece a repartirse semanalmente 350.000 mil doses por comunidade.



 

Noticias web

27/12/2020