CRTVG

Buscar

Comeza a repartición de 345.000 doses de AstraZeneca entre as comunidades

Publicado o 20/04/2021 10:52
Comeza a repartición de 345.000 doses de AstraZeneca entre as comunidades

O Ministerio de Sanidada informa, na súa conta de Twitter, que este martes comezou a distribución entre as comunidades autónomas de máis de 345.000 novas doses da vacina contra a covid-19 de AstraZeneca.

A estas doses súmanse os máis de 1,2 millóns do soros de Pfizer/BioNTech que España recibiu este luns.

Segundo a ministra de Sanidade, Carolina  Darias, España vai recibir 1,7 millóns de unidades de  Pfizer cada semana, desde o 26 de abril ata finais do mes de maio. Ao seu xuízo, estas entregas permitirán que se cumpra o obxectivo de ter inmunizado o 70 % da poboación a finais do verán.

Os últimos datos do seu departamento, feitos públicos o luns, sinalan que España recibiu 13.710.885 doses de vacinas, das que distribuíu 13.703.085 entre as comunidades, e administrou un total de 12.853.599 (o 93,8 % das entregadas).

Deste xeito, 9.441.685 persoas (o 19,9 % da poboación) recibiu polo menos unha dose e 3.411.914 contan xa coa pauta completa contra a covid-19 (o 7,2 %).

Vacina de Janssen

Por outra banda, 146.000 doses de Janssen permanecen nos almacéns centrais da compañía, á espera da resolución da Axencia Europea do Medicamento (EMA). Este martes emitirá un veredicto sobre o uso desta vacina no territorio comunitario, tras a paralización da súa administración nos Estados Unidos.