CRTVG

Buscar

Comeza a repartición en Galicia das 600.000 máscaras enviadas polo Goberno

Publicado o 14/04/2020 10:47

A repartición das máis de 600.000 máscaras enviadas polo Goberno para distribuír no transporte público en Galicia está a producirse con "normalidade" e con "agradecemento" por parte dos usuarios, segundo confirmaron na Delegación do Goberno.

Sobre unha repartición a cargo dos corpos e forzas de seguridade do Estado e mais de Protección Civil e policías locais, indicaron que non tiveron constancia de "ningún problema", algo que tamén remarcou o delegado do Goberno, Javier Losada.

Por outra banda, incidiron no "agradecemento" por parte daquelas persoas que reciben o produto.

Sinalaron tamén que a intención é que esta distribución se faga entre este luns e martes e lembraron que a iniciativa vai dirixida "a traballadores que hoxe retoman a actividade despois destes 15 días de permiso retribuido".   

No caso dos accesos a polígonos ou portos, aínda que se trata dunha medida centrada nos usuarios do transporte público, precisaron que tamén se darán a aquelas persoas que, aínda en vehículo particular, requiran este material de protección. 

Respecto diso, lembraron que se trata de facilitalas para os desprazamentos "da casa ao traballo, do traballo á casa", e remítense ás empresas para implantar as medidas necesarias de protección no propio centro de traballo.

 

Noticias web

14/04/2020