CRTVG

Buscar

Comeza a Liga de balonmán feminino: o Guardés debuta en Valladolid e o Porriño recibe o Zuazo

Publicado o 10/09/2021 13:36

Comeza a Liga de balonmán feminino. Dous equipos galegos na elite. E os dous cargados de ambición. Vexamos para unha mesma pregunta catro respostas distintas. Obxectivo na Liga. O Mecalia Guardés ten moitos cambios e Paula Arcos teno claro: "Temos moita xente nova, temos que adaptarnos, e o principal obxectivo ten que ser ese".

Unha resposta máis tanxible do técnico José Ignacio Prades: "Tentar pelexar sempre cos de arriba sabendo que non somos o equipo con máis presuposto nin temos a presión de ter que gañar un título".

O Porriño Conservas Orbe terá menos lanzamento exterior pero un equipo máis compensado que eleva moito as expectativas.

Isma Martínez, adestrador do Porriño Conservas Orbe Rubensa: "Agardamos estar entre as oito primeiras, poder pelexar incluso por Europa".

O vestiario é máis cauto e Sarai Sanmartín pensa: "Melloramos, fixemos unha pretemporada moi boa e creo que temos opción de pelexar por algo máis que evitar o descenso".

Unha temporada que abre con moita ilusión. Hoxe o Guardés debuta en Valladolid; mañá o Porriño recibe o Zuazo

Noticias web

10/09/2021