O volcán que fixo erupción na Palma ten sete bocas, das que emana abundante lava
O volcán entrou en erupción minutos despois das tres da tarde, hora canaria. A explosión provocou unha gran columna de fume e a expulsión de piroclastos: cinza e rochas de tamaños variados.
Juan Emilio estaba traballando na súa adega cando escoitou a explosión. "Notei un tremor bastante forte, mirei e vin que saía fume, moita cantidade para arriba, e sen pensalo dúas veces saín e deixei a porta da adega aberta e todo", relata.
Nun principio o magma provocou dúas fisuras, dúas bocas no monte, polas que fluía a lava e causaba pequenos incendios forestais. Dúas horas despois os técnicos xa falaban de sete bocas eruptivas, e en dúas delas a lava expulsada era abundante.
Evacuación da veciñanza
A zona do volcán non está habitada pero as autoridades xa decidiran evacuar os veciños con problemas de mobilidade residentes nas localidades máis próximas.
"A lava diríxese cara ao asentamento de El Paraíso e vai cara ao oeste a pouca velocidade, rebentou na zona coñecida como Cabeza de Vaca; estamos falando duns 300 habitantes que xa están evacuados", asegura o alcalde.
Os técnicos do Instituto Vulcanolóxico das Canarias comezaron a recoller mostras e a analizar a evolución da erupción para intentar predicir cara a onde podía ir a lava e evacuar máis xente. Co paso das horas, a lava foi escorrendo ladeira abaixo e chegou a afectar algunhas das vivendas máis próximas ao volcán.
As autoridade piden prudencia
Os técnicos confían en que chegue á costa, pero advirten de que o proceso pode tardar varias xornadas. As autoridades elevaron o nivel de emerxencia a vermello e piden prudencia.
"Eviten, por favor, achegarse, porque están complicando o traballo dos equipos de emerxencia", pide o presidente do cabido da Palma Mariano Hernández Zapata. "Sexan responsables, non facer parvadas nin achegarnos a onde non debemos porque estamos a un par de quilómetros e está chegando a cinza, e os gases que expulsa son moi tóxicos e hai que manterse a unha distancia prudente", insiste.
Sánchez suspende a viaxe aos EUA
O presidente do Goberno Pedro Sánchez pospuxo a súa viaxe aos Estados Unidos para dirixirse ás Canarias, segundo confirmou a través da súa conta de Twitter.
Sánchez tiña previsto voar este domingo a Nova York e permanecer alí ata o 24 de setembro con motivo do inicio do novo período de sesións da Asemblea da ONU, para potenciar o papel de España no debate dos grandes asuntos internacionais e para expoñer as oportunidades de investimento que ofrece o país.