Comeza a diminuír o caudal dos ríos
De onte a hoxe, o nivel do río Miño baixou un metro e medio ao seu paso por Ourense, e tamén descendeu o caudal. Aínda así, segue por riba dos 2.000 metros cúbicos por segundo, cinco veces máis do habitual nesta época do ano. Desde a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil calculan que a situación se irá normalizando contra o final de semana, tendo en conta as previsións de precipitacións escasas nos próximos días.
De todos os encoros da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o dos Peares é o que ten máis auga. Está ao 98 por cento da súa capacidade. Un pouco máis abaixo, na localidade dos Peares, conflúe co Bubal e co Sil, que baixa moito máis enlodado.
"Agora que se pode regular a auga, e habendo as previsións que había, tiñan que baixarlle un pouquiño máis para que, en caso de que haxa unha enchente, que non faga o derrame que fai por aí abaixo ata a desembocadura", observa un veciño dos Peares.
O Sil tamén baixou de nivel desde onte. Entre un metro trinta e un cincuenta. É unha baixada importante, pero, advirten desde a Confederación, seguen sendo niveis elevados e cómpre non achegarse ás marxes.
"Xa baixou, xa baixou algo, pero non moito, porque o río vai máis ou menos por aquí, e mira por onde vai", di un veciño mirando ao río.
En Ourense cidade, o descenso do Miño obsérvase nas ribeiras. Van quedando ao descuberto as zonas anegadas e os danos causados pola auga e os arrastres.
"Hai dous días que baixou, porque antes chegaba ata o vestiario das piscinas, pero é moi impactante velo así", conta un peón, referíndose ao Miño.
Na Peroxa, o Miño segue en nivel vermello, pero baixou a prealerta en Ourense cidade e en Ribadavia, na confluencia co Avia. A estrada da Arnoia abriu ao tráfico esta mañá, pero os paseos fluviais seguen balizados.