CRTVG

Buscar

Comesaña recoñece como "preocupante" a situación na Atención Primaria

Publicado o 03/08/2021 15:44

A incidencia acumulada a 14 días comeza a baixar na nosa comunidade. García Comesaña dixo que estes datos confirman a eficacia dos certificados covid para o acceso a interiores, das probas de antíxenos ou dos autotest nas oficinas de farmacia. Así e todo puntualizou que ninguén agardaba estar inmersos nunha quinta onda co 71 % da poboación diana inmunizada. O conselleiro lembrou que o virus está afectando sobre todo ao grupo de idade entre 20 e 29 anos polo que pide que acudan a vacinarse.

A portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento, Montse Prado, sinalou que é obvio que Galicia non vive a situación "de hai un ano", unha cuestión que evidencia, na súa opinión, que a Xunta se equivocou na desescalada porque a pesar de ter "máis coñecemento" sobre a enfermidade, non se aplicou. "Tiñan os elementos para previr a quinta onda e non os tiveron en conta", asegurou. Deste xeito, Prado citou a virulencia da variante delta, o novo limiar de vacinación considerado polos expertos para a inmunización, próximo ao 90 %, as carencias do sistema de rastrexo e o "colapso" de atención primaria.

O portavoz de Sanidade do PSdeG, Julio Torrado, insistiu en coñecer o número de rastrexadores en Galicia, unha cifra que o conselleiro non concretou, senón que dixo que hai "250 máis", en alusión a un contrato asinado recentemente para seguimento telefónico. Torrado incidiu nos problemas de persoal en atención primaria e asegurou que o Consello de Contas considera "bastante opaca" a información de gasto do departamento que dirixe García Comesaña.

García Comesaña recoñeceu unha situación "preocupante" en atención primaria por unha "falta clara de médicos de familia e tamén de persoal de enfermería" que se ve agravada coas vacacións do persoal. En calquera caso, o conselleiro sinalou que a prioridade do seu departamento é cubrir as vacantes nos Puntos de Atención Continuada (PAC).

Na súa intervención cualificou de "erro maiúsculo" a posibilidade de que se transfira a docencia MIR a Cataluña ou a calquera comunidade autónoma e confiou en que o Goberno "non ceda a esa chantaxe". 

Noticias web

03/08/2021