CRTVG

Buscar

García Comesaña: "Non tería sentido poder visitar un familiar en Madrid e non no concello veciño"

Publicado o 11/12/2020 20:21

• As recomendacións para o Nadal en Galicia aprobaranse o próximo martes

Sanidade ponlle cifras á evolución da pandemia en Galicia. A incidencia da covid caeu un 36% nas dúas últimas semanas.

"Seguimos baixando, seguimos sendo das comunidades con menor incidencia acumulada a catorce días. Pero a pesar destes datos, como dicimos sempre, máxima prudencia", dixo o conselleiro García Comesaña.

Tamén se reduce a presións asistencial, os ingresos nos hospitais e a ocupación nas unidades de críticos.

O xerente do SERGAS, José Flores explicou que  seguimos mantendo unha tendencia a diminuir, cunha baixada nos últimos sete días do 15%. "A día de hoxe hai 51 camas de UCI ocupadas", asegurou.

A melloría media de Galicia é extrapolable a das cidades. Das que seguen perimetradas A Coruña é a que ten unha menor incidencia da covid. "Na Coruña baixamos de 143,7 a 125,8", explicaba Carmen Durán, a directora xeral de Saúde Pública.

Pero para aliviar as restricións valóranse tamén outros parámetros como as hospitalización ou a positividade das probas que é especialmente baixa na cidade de Lugo. A doutora Durán asegurou que está lixeiramente por debaixo do 5% que é a cifra que marca a OMS e que é indicativa dunha boa evolución.

E que pasará coa mobilidade entre os concellos galegos no Nadal? Sanidade apunta a que se autorizará para reencontros familiares como quedou fixado no Plan Nadal do Goberno.

"Non tería moito sentido que un puidera visitar un familiar en Madrid e non ir a visitalo no concello veciño", dixo o conselleiro de Sanidade.

As recomendacións específicas para o Nadal en Galicia acordaranse na reunión do comité clínico do vindeiro martes.

Noticias web

11/12/2020