CRTVG

Buscar

Comesaña: "Hai motivos para ser lixeiramente optimistas pero non triunfalistas"

Publicado o 03/02/2021 21:29

Galicia frea a transmisión pero a incidencia da covid−19 ainda está en niveis moi elevados

O comité clínico constatou que a transmisión do virus bota o freo en Galicia. Estariamos entrando nunha fase de meseta segundo varios indicadores. Cada infectado contaxia de media menos dunha persoa. E baixa a incidencia acumulada tanto a sete como a 14 días. Sanidade atribúe a melloría ao cumprimento das novas restricións, que deberán seguir en vigor.

"Podemos dicir que estamos nunha tendencia descendente pero queda moito camiño por percorrer. Hai motivos hoxe para ser lixeiramente optimistas pero non podemos ser triunfalistas de momento", asegurou o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña

Mellora a incidencia da covid−19, pero segue sendo elevadísima nas áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Ourense e preocupa a evolución das cidades de Lugo e Pontevedra.

"Aínda que agora mesmo vexamos gromos verdes no que a incidencia acumulada se refire aínda seguimos con datos moi lonxe de ser os desexados", advertía a directora xeral de Saúde Pública Carmen Durán.

E a presión hospitalaria continúa moi alta tanto en planta como na UCI. "Nas UCI hai unha presión alta e é probable, todo o indica, que nos próximos días siga aumentando", dixo o doutor Rascado, intensivista e membro do comité clínico.

Os hospitais de referencia da Coruña e Ferrol están preto da fase 4 do plan de continxencia, que prevé activar os hospitais de campaña. Con todo o conselleiro de Sanidade asegurou que son os que están máis preto desa fase pero de momento non é necesario poñela en marcha.

Sobre a presenza en Galicia das novas cepas do virus, Sanidade confirmou catorce casos da variante británica, un da surafricana e 200 casos sospeitosos en estudo.

Noticias web

03/02/2021