CRTVG

Buscar

Comerciantes e veciños dos Concheiros, en Santiago, fartos pola duración e as molestias das obras

Publicado o 13/10/2021 13:57

Pola rúa dos Concheiros entra o Camiño Francés a Santiago e é un dos principais accesos á zona histórica. Comerciantes e veciños están de acordo en que eran necesarias as obras de mellora da rúa pero desexanque rematen tras un ano de molestias.

"Vivo preto, levo aquí a nena ao colexio e a verdade é que para o carriño moi cómodo non é, pero as obras teñen que ser, o que si é que duran demasiado e igual non era o momento co Ano Santo". "Creo que as obras son necesarias, pero penso que se están alongando moito. Igual de noite non se pode traballar, pero facer dúas quendas de oito da mañá ás dez da noite para adiantar un pouco isto".

Quéixanse de continuas improvisacións. Houbo caídas de peóns e moitas perdas nos negocios. "Non pode entrar mercadoría, ao vir con camión, o camioneiro non para, quédalle moi lonxe e non quere traer a mercadoría desde alá". "Temos un baixón de vendas sobre un 60 % respecto do ano pasado". "Moi fartos todos, levamos moito tempo así porque tamén nos afecta Rodríguez de Viguri, aínda que sexa da Xunta. É moito tempo".

Reclaman máis información e apoio do Concello. "O tamaño da calzada é preocupante porque un bus e un coche van pasar xustos e preguntámonos que vai pasar se teñen que vir os bombeiros ou que cadre co paso do autobús, claro que tampouco temos o plan de mobilidade do barrio".

Dubidan de que as obras rematen dentro dun mes. "Eu doulle para xaneiro ou febreiro do ano que vén. Aquí fóronnos dando datas de entrega, a primeira para agosto, logo ampliouse para setembro, e agora falan do 16 de novembro. Xa nin facemos caso".

Noticias web

13/10/2021