CRTVG

Buscar

Comerciantes e residentes dos Concheiros denuncian a lentitude das obras

Publicado o 27/08/2021 14:29

No barrio compostelán de San Pedro respírase dende hai meses unha sensación de obra perpetua. Primeiro comezaron os traballos da avenida de Lugo e, pouco despois, a remodelación dos Concheiros. Comerciantes e residentes denuncian, sobre todo, a lentitude dos traballos.

O espazo multidisciplinar Unitaria, con base na zona, prefire botar man do humor para manifestar o seu malestar polo atraso das obras. Nas redes sociais, convida o alcalde a sentar nunha banqueta a diario para ver se coa súa presenza aumenta a man de obra.

Os traballos obrigaron a desviar o Camiño de Santiago na rúa dos Concheiros, o que aumentou o malestar entre os negocios da zona. José, dono dunha froitería, asegura que as vendas baixaron un cincuenta por cento. O alugueiro de pisos tamén se resentiu.

Esta reforma é unha vella reivindicación, por iso hai xente que vive as molestias con resignación. Pero os atrasos e a planificación xeran cada vez máis críticas.

O ruído da maquinaria e as obras na avenida de Lugo, dependentes da Administración autonómica, tampouco axudan. Piden máis dilixencia para recuperar, canto antes, a normalidade.

Noticias web

27/08/2021