CRTVG

Buscar

Comerciantes de Santiago teñen que limpar na rúa os restos das noites de movida

Publicado o 15/10/2021 13:32

As propietarias de negocios nunha das rúas do ensanche compostelán quéixanse porque teñen que limpar as beirarrúas a diario, ademais da entrada dos seus locais. Sobre todo, as tendas máis próximas aos locais de ocio nocturno. 

Mónica Castro di: "Case todas as mañás teño que limpar a parte da beirarrúa, o escaparate, recoller os vasos. A beirarrúa está chea de lixo".

Karelia Rodríguez explica: "Todos os que temos comercios por aquí atopamos todos os días todo cheo de cabichas. Estragáronme un timbre, deixan cabichas onde se poñen os folletos, outras veces arráncanmo e teño que comprar outro".

Din que non lles molesta a existencia de locais nocturnos, pero apelan á responsabilidade dos donos. 

"Queremos que non nos afecte ou, polo menos, que controle un pouco, porque o mozo ten un porteiro e, aínda que el non poida facerse responsable dos actos dos seus clientes, pero se ten un porteiro será para controlar algo", di Karelia.

Puxeron varias queixas no Concello para que pase con máis frecuencia a máquina limpadora, como facía antes da pandemia. Din que o treito da rúa onde están as discotecas queda noxento.

"Antes pasaba varios días á semana, pero agora moi de cando en vez. Teño mandado reclamacións ao Concello e hoxe pasaron, pero o día despois do festivo a rúa estaba toda sucia. Cabichas, vasos, vasos rotos, papeis, vómitos", relata Mónica.

Noticias web

15/10/2021