CRTVG

Buscar

Comerciantes da Coruña quéixanse do lixo amoreado na rúa polo conflito no servizo

Publicado o 30/01/2019 14:36

Tras catro días amoreado o lixo arredor dos colectores nas rúas da Coruña, hoxe os traballadores comezaron a retirar os desperdicios. Din que este paro, que apoian algúns coruñeses, foi necesario para lograr algunha mellora. Pola contra, hostaleiros e comerciantes explican que a mala imaxe que deu a cidade estes días afectou nos seus negocios.

O lixo segue amoreado arredor dos colectores de moitas rúas da Coruña. Con todo, esta mañá, os traballadores xa comezaron a retirar os desperdicios coa axuda de catro dos seis camións que soen saír habitualmente. Os outros dous avariáronse.

José Manuel Blanco, traballador de Cespa: "Agora a cousa parece que vai encamiñada. Se seguimos traballando cos medios que tiñamos, seguiriamos así. E depois hai accidentes, mortes... e iso non se pode permitir podendo evitalo".

Os traballadores din que as catro xornadas que estivo A Coruña sen recollida normalizada foi a súa forma de protestar e denunciar que o material de traballo está obsoleto e falto de mantemento.
Na rúa hai quen di que xa tardaban en comezar a recoller todo este lixo, malia que apoian a medida dos afectados.

Os comerciantes e hostaleiros, malia que din que entenden as queixas destes traballadores, aseguran que a mala imaxe que está a dar a cidade prexudica aos seus negocios.

Antonio Amor, presidente dos comerciantes da zona do Obelisco: "Non saes a pasear. Se vas atopar lixo, as gaivotas rompendo as bolsas, malos cheiros... Vas a outra zona onde non teñas estas incomodidades. Notouse menos volume de xente e máis cabreo na xente".

Os traballadores calculan que antes da fin de semana, A Coruña recupere a súa imaxe habitual.

Noticias web

30/01/2019