Comezan os tests aos traballadores que farán a vendima nas Rías Baixas
Xornaleiros e membros do Consello Regulador Rías Baixas comezaron este mércores a someterse aos tests rápidos de anticorpos para detectar o coronavirus. As probas faranse na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés durante os vindeiros 15 días. Terán horario de tarde durante o mes de agosto e de mañá en setembro.
"Esta proba é importante porque nos brinda a certeza de que estamos ben para traballar". "De momento, non me dixeron nada, dixeron que agardemos, que se estamos aptos non nos chaman e se non somos aptos volven chamar".
O test consiste nunha simple picada nun dedo. Cunha soa gota de sangue, en dez minutos saberase se a persoa está infectada ou se xa superou a enfermidade. Se o paciente dá positivo, terá que illarse e facer outro tipo de proba, como unha PCR. Cóntase que fagan a proba uns 2.500 traballadores. O obxectivo é garantir a seguridade na campaña.
Ramón Huidobro Vega, secretario xeral do Consello Regulador da D. O. P. Rías Baixas: "É un gran número de persoas que van traballar e se van mover polo territorio, van interactuar con outras persoas e poden desprazarse doutras zonas, o que pode afectar outros concellos".
Ademais destas probas previas, as adegas terán que variar este ano os protocolos de traballo para evitar posibles contaxios, como traballar con máscaras, gardar distancias de seguridade ou crear itinerarios de entrada e saída á viña para non cruzarse uns cos outros.
"Dixeron a separación que había que ter, a hixiene e que che van tomar a temperatura".
O luns comezou a vendima en Valdeorras, o mércores na Ribeira Sacra e agárdase que nos vindeiros días empece no resto das denominacións de orixe.