Comemos máis prato único e menos primeiro e segundo
Para lle explicar a un turista que hábitos alimentarios temos por aquí poderiamos dicirlle cal foi o prato máis repetido o pasado ano. E non, non foron as ostras.
"Isto é unha marabilla. É un luxo barato. Tres euros as dúas ostras". Os galegos somos, outra vez, os que máis marisco e máis peixe comemos. "Calquera deles, pero pescada máis".
A pescada é o peixe máis consumido en España. Pero non é o prato que máis veces se consumiu no 2018.
"Non che sei. O polo, ao mellor?". Pois non, non foi o polo, pero a peituga foi o cuarto prato máis consumido. "Serve para todo e entón sae moi ben. E é unha cousa sen graxa".
O terceiro posto ocúpao a ensalada de tomate, e en segundo lugar, a pizza. E o primeiro, o máis consumido...
"Tortilla de pataca? Non sei". Non foi a tortilla de pataca.
E, por certo, a pataca foi o alimento que máis descendeu. E iso que Galicia figura como a comunidade máis pataqueira. "Pero moita xente pasa da pataca. Non se consome tanta como se consumía antes".
Pois ben, o prato máis consumido, o máis recorrente, é a ensalada verde. "Estráñame iso da ensalada. Será durante o verán". Pero unha praceira desmente o cliente: "Eu no inverno vendo moita leituga. Vén moi tenra do invernadoiro. E non engorda".
E na crecente preocupación por comer san, outro novo hábito: comer de prato único. "Na casa dos meus pais seguimos tomando primeiro e segundo prato. Pero nós, prato único".
"Pois eu teño un neto que come prato único: ensalada".
Todo un resumo das actuais tendencias nosas no comer.