CRTVG

Buscar

Comedores improvisados nos polígonos industriais ante o peche da hostalería

Publicado o 29/01/2021 18:01

Co peche xeral da hostalería, volven aos polígonos industriais as imaxes de transportistas e outros profesionais comendo nos seus vehículos ou a pé de rúa. Os restaurantes e cafeterías poden servirlles comidas e bebidas sen alcol, pero só para levar.

Comendo sobre unhas caixas, ao acubillo das escaleiras laterais do restaurante, ao volante, coas pernas facendo de mesa, ou un bocadillo rapidiño ao pé do coche, como fai este axente comercial que axiliza o proceso para regresar canto antes á casa: "Visitas curtas e xa vedes, comendo onde se pode. Isto é o que toca".

Repítense as imaxes que non viamos desde o confinamento do ano pasado.

Elena Fernández Álvarez, ten unha cafetería no polígono de San Cibrao das Viñas: "Non poden nin apoiarse nunha mesa para lle botar o azucre ao café. Teñen que ir coas cousas na man, sentar na beirarrúa a comer o menú e non lles podo nin prestar unha cadeira para que se poidan sentar".

Malia ao peche da hostalería, os restaurantes e cafeterías de centros loxísticos e áreas de servizo poden permanecer abertos, mesmo en horario nocturno, pero só con servizo de entrega.

Aquí, por exemplo, utilizan o WhatsApp para organizar os pedidos e evitar aglomeracións. "Pídennos por teléfono, vía WhatsApp e témoslles preparados os cafés, a comida, o menú do día... e temos unha porta de entrada, unha de saída".

Xosé Manuel é transportista profesional. Di que, desta vez, a situación é máis levadía. "Porque as primeiras semanas non había nada, nin onde ir a un servizo, onde poder asearte... non había nada aberto. Agora, polo menos, hai certos sitios onde podes comer algo, pero bueno, é difícil".

El come na cabina do camión. Utiliza o asento do copiloto para gañar algo de espazo. "Chega un momento que cansa, porque un día comes un bocadillo ou comes así, pero cansa. Apetéceche baixar, estar cómodo...".

E estirar as pernas, conclúe, para descansar do traballo.

Noticias web

29/01/2021