CRTVG

Buscar

Deteñen o líder da maior banda de narcos de Colombia, conectado coas redes galegas

Publicado o 24/10/2021 20:51

O exército e a Policía de Colombia detiveron a Otoniel, o narcotraficante máis sanguinario, o máis temido e o tamén o máis buscado do país. Este gran líder do grupo narcotraficante Clan do Golfo está conectado coa cocaína que interceptaron en Galicia nun narcosubmarino hai dous anos e recentemente en dous veleiros. As autoridades colombianas comparan a figura de Otoniel coa de Pablo Escobar. 

Dairo Antonio Úsuga, alcumado Otoniel, era o inimigo público en Colombia. Pola cantidade de cocaína que exportaba a Europa e Norteamérca e pola súa faceta de regulador dos pequenos traficantes aos que enfrontaba entre si e masacraba.

O clan que el dirixía, o do Golfo, apoiábase en 1.200 paramilitares e, segundo a investigación, estaba involucrado coa minería ilegal no país. De Otoniel só había unha foto antiga, a que usou o Goberno para ofrecer unha recompensa de 3 millóns de pesos, uns 700.000 euros, por calquera información que axudase a capturalo. Levaban tras el seis anos.

Pablo Escobar

O presidente de Colombia, Iván Duque, compara a captura coa do día en que detiveron a Pablo Escobar. Durante a conferencia de prensa que deu en Medellín a Policía colombiana, o presidente referiuse a Otoniel como un monstro que asasinou policías, líderes comunitarios e mesmo abusou sexualmente de nenos e adolescentes.  

Protexíao un séquito de oito equipos de seguidores fieis. Comunicábase cos xefes intermedios do clan por medio de correos humanos. Detivérono en Antioquía nunha serra impenetrable que el usaba como refuxio. Otoniel fora guerrilleiro.

Seguimento por satélite

O Xeneral do exército colombiano Jorge Luis Vargas conta que o seguiron por satélite e que monitorizaron todos os seus movementos na selva. Nunca durmía máis de tres noites nunha mesma localización. Na operación Osiris, en que detiveron o capo de capos, morreu un oficial da Policía.

O Clan do Golfo ten unha conexión co narcotráfico galego. Organizou a viaxe daquel narcosubmarino que foi acurralado na ría de Aldán hai dous anos con 3.000 quilos de cocaína a bordo e, segundo os investigadores, o clan tamén tiña relación cos dous veleiros que traían droga a Galicia: 2.800 quilos de cocaína un, e o outro 5.200.

Noticias web

24/10/2021