Collen na allada dous ladróns de fiestras en Lugo
A plena luz do día e tras saltar un valado de dous metros, dous individuos entraron nun inmoble deshabitado para arrancar a carpintería de aluminio. Actuaban con naturalidade para non levantar sospeitas, xa que a esa hora había movemento na rúa. A quen non lograron enganar foi un veciño dun edificio próximo, que observou todos os seus movementos e alertou a policía. Cando os axentes chegaron á casa xa desmontaran algunhas das fiestras e transportábanas nunha carretilla ata unha furgoneta que tiña aparcada na contorna.
Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional: "A patrulla encontra unha persoa que está dentro da casa cunhas fiestras de aluminio que arrancara da parede e que as está sacando cara ao valado. Outro trasladábaas nunha carretilla ata a furgoneta".
Ao vérense sorprendidos, un dos ladróns escapou, pero horas máis tarde presentouse na comisaria para preguntar polo seu amigo, e a policía, que tras as pescudas feitas xa o tiña idenficado, detívoo no momento.
Manuel Arias, voceiro Policía Nacional: "El veu interesarse polo amigo, saber si estaba detido, se necesitaba un avogado. E nese momento e cando é detido, xa que a raíz das pescudas feitas polos axentes comprobouse que era a segunda persoa".
Os dous detidos xa pasaron a disposición xudicial e quedaron en liberdade con cargos.