CRTVG

Buscar

Collen varios nabos xigantes, de ata 13 quilos, en Castroverde

Publicado o 03/02/2021 13:56

Así locen os nabos xigantes recollidos na horta dunha casa da parroquia de Arcos, en Castroverde. Sementados en agosto, tres deles pesan uns dez quilos, mentres que o máis grande acadou nada menos que trece quilos. E aínda poderían chegar a ter un maior tamaño de non ser polas inclemencias meteolóxicas.

Darío Silvosa, destas hortalizas, di que "despois da sementeira, tirei os restos aí nun anaco de terra e os nabos naceron sós. E foron desenvolvéndose co tempo ata que o outro día, cando fun arrancar os nabos para semente foi cando vin o tamaño deles. Pero aquí a nevada de primeiros de decembro foi bastante forte e esmagounos todos. Así como pesou trece quilos, pois se cadra pesaba dous máis. Porque ao abrirlles a cebola, pois perderon algo, pero con todo".

Non é a primeira vez que nesta casa colleitan nabos pantagruélicos. Hai uns anos, como testemuña esta fotografía, xa conseguiran outro tubérculo xigante, que acadara os dez quilos de peso. O segredo, segundo os seus donos, é ter a terra ben fertilizada e deixar espazo dabondo entre as sementes.

Darío Silvosa, dono destas hortalizas, di que "o nabo, se sae moi espeso, coma calquera froito, non se desenvolve. Ao ter moito espazo, se teñen bo fertilizante medran moito. Se non está mesto, desenvólvese. Pero, claro, ten que estar o terreo en debidas condicións".

Agora, cortaranlles as nabizas antes de transplantar os tubérculos para obter as vaíñas coas que sementar os nabos aló polo mes de agosto e ter de novo grelos o ano vindeiro.

Noticias web

03/02/2021