Colau repite como alcaldesa de Barcelona
Milleiros de independentistas encheron o exterior do concello de esteladas e pancartas reclamando a liberdade para os políticos en prisión ou no estranxeiro. Coa participación dun deles, Joaquim Forn, a sesión desenvolveuse segundo o guión previsto e Ada Colau conseguiu repetir como alcaldesa. Aínda que se sumou á petición de liberdade para os presos, Colau dixo que se esforzará en representar toda a cidadanía:
"Non serei, en calquera caso, nin alcaldesa independentista nin alcaldesa antiindependentista. Esforzareime en ser a alcaldesa de todos os barceloneses e de todas as barcelonesas".
A reelección de Colau foi posible grazas ao apoio dos socialistas do PSC. O seu portavoz e futuro vicealcalde dixo que con iso se poñen ao servizo do interese da cidade, con tres obxectivos:
"Cun triplo compromiso: o de ter unha alcaldía progresista, bo goberno... e non subordinar a cidade de Barcelona ao proceso independentista".
Para Manuel Valls, que lle ofreceu a Colau, sen pactos previos nin contrapartidas, o voto imprescindible de tres dos seus seis edís, tratábase, segundo dixo, de evitar o peor.
"O máis importante era evitar que Barcelona tivese un alcalde independentista cun candidato que xa anunciou que poñería a cidade ao servizo da causa dunha república ficticia e inexistente".
O gran danmificado por este voto útil, Ernest Maragall como candidato máis votado, anunciou unha oposición firme:
"Non seremos aliados mansos e dóciles dun suposto progresismo intocable ou indiscutible. Non nos tendan as mans. Hoxe non".
A alcaldesa anunciou que vai propoñerlles aos demais grupos pendurar na fachada do Concello un lazo amarelo ata que saian en liberdade os políticos presos.