CRTVG

Buscar

Sánchez defende a Ábalos e refírese a Guaidó como "líder da oposición"

Publicado o 12/02/2020 08:29

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, referiuse este mércores a Juan Guaidó como o líder da oposición en Venezuela e reiterou que o ministro José Luis Ábalos cumpriu co seu deber ao reunirse coa número dous de Nicolás Maduro, Delcy Rodríguez, no aeroporto de Baraxas.

Sánchez fixo esta alusión a Guaidó na primeira sesión de control ao Goberno da lexislatura no Congreso en resposta a unha pregunta do presidente de Vox, Santiago Abascal, sobre se Ábalos se reuniu coa vicepresidenta venezolana seguindo "instrucións expresas" de Sánchez.

O xefe do Executivo insistiu en que o titular de Transportes "fixo o seu deber" ao evitar unha crise diplomática e defendeu as relacións do seu Goberno con Guaidó, o presidente encargado de Venezuela.

Para demostralo, lembrou unhas palabras do dirixente venezolano en que aseguraba que tiña as "mellores relacións con España" e que ían seguir "insistindo en traballar con todos".

"Está bastante clara a posición do líder de oposición en Venezuela", concluíu Sánchez, quen acusou o presidente de Vox de "usar" Venezuela e España para facer "ruído", que é "o único que saben facer".

Cuestionou os principios de  Vox, porque "din que son patriotas e van correndo detrás e practican unha diplomacia paralela" en Bolivia e "din que son un partido que defende España, pero financiado con diñeiro iraniano". "O seu amor é tan falso como os visados da señora Monasterio", sentenciou Sánchez, en alusión á dirixente de Vox na Asemblea de Madrid, a arquitecta Rocío Monasterio.

Na súa intervención, o presidente de Vox esixiulle ao presidente do Goberno que asuma responsabilidades por "recibir" a ministra dunha "narcoditadura" e impedir a súa detención.

"Isto é moi fácil (...). Se deu vostede a orde, dimita; se a deu o seu vicepresidente, que é o delegado de Maduro, dimitan ambos; se o señor Ábalos actuou por libre, mellor que se vaia; se a orde llela deu Maduro a todos vostedes, pódense ir todos xuntos", reclamou.

Abascal reiterou que Sánchez é un presidente "ilexítimo" que "cabalga sobre a fraude e a mentira aos españois" e recriminoulle que pretenda ocultar que "está encamado cos separatistas, cos comunistas e cos proetarras". 

Marlaska garante que Delcy Rodríguez non entrou no espazo Schengen

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, garantiu este mércores que a vicepresidenta venezolana, Delcy Rodríguez, non entrou no espazo Schengen e reprochoulle ao PP que acuse a policía de prevaricación por, supostamente, obedecer unha orde "ilexítima".

Na primeira sesión de control do Congreso da lexislatura, Marlaska respondeu así a unha pregunta da deputada do PP Ana Belén Vázquez sobre que instrucións deu o Goberno ás forzas e corpos de seguridade do Estado ante a presenza da vicepresidenta de Venezuela en solo español.

Marlaska asegurou que o Goberno "non lle deu ningunha instrución á policía. A única instrución que se lle dá á policía é que cumpra a lei e, neste caso, cumpriuse e non se lle permitiu a (Delcy) Rodríguez a entrada no espazo Schengen".

O titular de Interior lamentou que desde o PP se vertan acusacións "tan graves" e se poña en cuestión a profesionalidade da policía dicindo que prevaricou por obedecer "unha suposta orde ilegal e ilexítima".

A deputada advertiulle que llo vai "botar en cara" mentres sexa ministro de Interior e, neste caso, "repetireillo" o que faga falta, porque a vicepresidenta venezolana non entrou no espazo Schengen.

"Vostedes confunden prohibicións de entrada con ordes de detención internacional, para iso hai que estudar un pouquiño máis", dixo o ministro, que, finalmente, pediu ao PP "respecto" para a policía.
Pola súa banda, a deputada insistiu en que todo foi unha "farsa" e que o ministro foi un "utillero", perdeu toda a lexitimidade e quedou cuestionado.

A deputada tamén lle deu ao ministro "tres recadiños": "Que a verdade acabará saíndo; que non borren as cámaras; e dígalle ao oído a Ábalos que se vaia por prevaricador". 

Ábalos acusa o PP de cuestionar a credibilidade de España e enfrontala aos EUA

O ministro de Transportes, José Luis Ábalos, acusou o PP de "poñer en cuestión a credibilidade" internacional de España e enfrontala aos Estados Unidos e a UE polas súas acusacións sobre a reunión que mantivo no aeroporto de Baraxas coa vicepresidenta de Venezuela, Delcy Rodríguez.

En resposta a unha pregunta do PP, na sesión de control ao goberno, dixo que isto é o importante desta cuestión na que el é só unha "peza instrumental" para o principal partido da oposición, cuxos deputados replicaron desde os escanos á súa intervención con berros de "dimisión, dimisión!".

Ábalos asegurou que o importante é que co seu encontro con Rodríguez el "modestamente conseguiu" que se cumprisen as restricións establecidas pola UE sobre o goberno de Nicolás Maduro, e é que a vicepresidenta venezolana "non entrase no espazo Schegen".

A deputada do PP Valentina Martínez cre que quedou acreditado que Ábalos é un "mentireiro" e pediu que aclare "que é o que oculta" tras as versións que deu sobre este encontro, se é que está a tapar o titular do executivo Pedro Sánchez ou o propio presidente venezolano, Nicolás Maduro.

A pregunta de Martínez forma parte dunha ofensiva do PP sobre este asunto na sesión de control ao goberno de hoxe, en que Ábalos foi arroupado pola presenza de Sánchez e do resto dos membros do goberno, que permaneceron nos seus escanos ata o termo desta batería de cuestións.

Ábalos respondeu tamén para dar explicacións, a pedimento do PP, pola súa frase de: "Eu vin para quedarme e non me bota ninguén". Puntualizou que dixo iso en "un contexto de partido" e refírese a que ninguén o vai a botar do seu compromiso político "da loita pola democracia neste país e contra o fascismo".

A deputada popular Belén Hoyos ironizou con que o encontro entre Ábalos e Rodríguez podería ser o tema dunha serie de Netflix que terminaría coa vicepresidenta venezolana en Quintos de Mora, e instou ao ministro a dimitir "por mentireiro" antes de "caer" porque en todas as series acaba caendo o mensaxeiro. 

Noticias web

12/02/2020