CRTVG

Buscar

Colapsa a web do Sergas ante a apertura das citas para os menores de 20 anos

Publicado o 07/08/2021 14:15

• Houbo un pico de 1,6 millóns de solicitudes, con usuarios que repiten intento

 

O sistema de autocita para que se vacinen os mozos de 16 a 22 anos abriu ás nove da mañá e pouco despois xa era imposible acceder á páxina web do sergas. A consellería de sanidade atribuiu o fallo ao elevadísimo número de entradas con picos de máis dun millón e medio aina que moitas delas corresponden aos mesmos usuarios que repiten reiteradamente o intento de acceder este sistema. Con todo, a media mañá conseguiran tramitar máis de 1.300 solicitudes, asignando ao redor de 300 citas cada 10 minutos.

Os últimos datos do Sergas indican que se xestionaron 13.700 citas.

O colapso provocou numerosas críticas nas redes sociais e non afectou só á autocita. Durante unhas horas tampouco se puido tramitar unha consulta en atención primaria, nin solicitar certificados covid, nin acceder a información do sergas sobre a evolución da pandemia.

Hai dúas semanas, uns 16.000 mozos do mesmo grupo de idade conseguiron cita para vacinarse a través deste servizo. Daquela tamén dispoñían de toda a fin de semana para pedila pero ao pouco de abrir o sistema xa estaban agotadas.

Nesta fin de semana a Xunta ofrece 25.000 doses para os nados entre os anos 2000 e 2005.
En principio o sistema vai estar operativo ata as once e media da noite do domingo. O solicitantes poden acceder co número da tarxeta sanitaria ou co DNI na páxina cita.sergas.gal ou no portal do Sergas, É-Saúde. Tamén se pode solicitar desde un teléfono a través da aplicación Sergas móbil.