CRTVG

Buscar

"Coidarnos. O mellor agasallo deste Nadal", o Ministerio pide prudencia nas festas

Publicado o 07/12/2020 11:34

O Ministerio de Sanidade lanzou este luns unha campaña de cara ás festas do Nadal en que insiste na prudencia para evitar contaxios nas reunións e encontros familiares. 

"O noso comportamento é en beneficio propio, pero en beneficio dos nosos familiares, os nosos veciños, os nosos compañeiros de traballo", dixo o ministro, Salvador Illa, antes de anunciar o lema "Coidarnos. O mellor agasallo deste Nadal".

Desde o Goberno aseguran que a situación en España está mellorando, pero "aínda estamos lonxe do obxectivo", asegurou Illa, e por iso apelou á responsabilidade nas próximas festas.

No anuncio de televisión vese unha familia que se reúne para cear, levando a máscara e abrindo ventás para ventilar, mentres fan videochamadas para saúdar a quen non puido reunirse con ela, e finaliza abrindo a porta do piso en que viven para a través do corredor da escaleira compartir o momento da cea cunha parella de anciáns que viven no apartamento veciño.

"Non podemos poñer un policía en cada casa"

O ministro defendeu que as medidas para evitar a propagación do virus no Nadal son "moi drásticas", pero o seu éxito dependerá da responsabilidade cidadá, porque non se pode controlar o que sucede en todos os fogares.

"Non podemos poñer un policía en cada casa", subliñou Illa na presentación da campaña. Garantiu que as medidas para o Nadal son "axustadas á realidade" para "non dilapidar o que se conseguiu con tanto esforzo", pero recoñeceu que se poderán modificar se a evolución da pandemia é mala.

"Nun día coma hoxe hai que poñer o acento máis en cumprir as medidas que acordamos que en pensar en novas medidas. Son medidas moi drásticas", aseverou Illa.

Campaña de vacinación

Respecto ás dúbidas que parte da poboación expresou sobre vacinarse contra a covid-19, e que recolleu o CIS nunha enquisa, Salvador llla dixo que confiaba en que ía haber "unha resposta moi positiva".

"Cando a Axencia Europea do Medicamento autorice estas vacinas, quererá dicir que serán seguras e eficaces", explicou o ministro para intentar despexar as dúbidas que moitas persoas parecen ter sobre os posibles efectos de poñer unha vacina.

Illa chamou á tranquilidade e incidiu na seguridade da vacinación: "As vacinas salvaron vidas e esta vacina vai salvar vidas". Explicou que o proceso de investigación e elaboración destas foi acelerado polas circunstancias, pero foi "sen sacrificar nin un punto de seguridade".