CRTVG

Buscar

O programa Respiro Familiar pretende que os coidadores de dependentes dispoñan de tempo de seu

Publicado o 12/06/2021 21:30

O tempo libre non existe cando se ten ao cargo unha persoa dependente. Esta semana vén de publicarse o programa Respiro Familiar, unha liña de axudas a dependentes para sufragarlles unha estancia puntual nunha residencia ou contratar un profesional, co gallo de que os coidadores habituais poidan dispor de tempo de seu.

Hai oito anos que Pilar, esta boirense de Abanqueiro con máis de oitenta anos, depende totalmente dos coidados da súa filla: "Levántome da cama e vístome, almorzo e fago todo", cóntanos.

Pola semana, Gema, a súa filla, ten que multiplicarse para traballar, preparar a súa nai para o centro de día e atendela tarde e noite. Na fin de semana o tempo libre non existe. "Tes que compaxinar o traballo, a casa, os coidados-relata a súa filla e coidadora, Gema Dieste-. E se xa o día a día dunha persoa normal que vai traballar e vén de volta é complicado, o noso é moito máis".

Esta semana a Consellaría de Politica Social convocaba de novo o programa Respiro Familiar, destinado a persoas dependentes para que os seus coidadores habituais poidan dispor de tempo de descanso. Así hai axudas de ata un máximo de 1500 euros cos que sufragar unha estancia puntual nunha residencia, ou de ata mil euros, se se contrata un coidador profesional, como escolleu Gema: "Todas as axudas que dean para a dependencia, todas son necesarias. Unha hora que che dean libre, para a persoa que está as vintecatro horas do día é un mundo. No meu caso collín un par de domingos pola mañá. Víñame a axuda a domicilio ás dez da mañá, eles xa se encargaban de darlle o almorzo, facerlle o cuarto, sacala a pasear. Eu deixáballes a comida feita, eles dábanlle a comida, enton eu ás dez da mañá levantábame, vestíame e marchaba", comenta.

As axudas van destinadas a persoas con dependencia de segundo grao en diante ou cun informe médico e social que xustifique os coidados. O prazo para solicitalas este ano empezou o venres e vai ata o 30 de novembro.

Noticias web

12/06/2021