CRTVG

Buscar

Cociñeiros de renome ensinan receitas aos usuarios que recollen comida en Cáritas

Publicado o 18/05/2021 21:22

Prestixiosos cociñeiros galegos e representantes de diferentes institucións, da cultura, e do xornalismo participan nas xornadas Aprende a Cociñar Coruña. Esta iniciativa solidaria impulsada por Cáritas busca elaborar menús saudables cos produtos que recibe e que reparte entre os seus usuarios.

O obxectivo principal da iniciativa Aprende a Cociñar Coruña é que as persoas que acoden aos centros de Cáritas coñezan e aproveiten as posibilidades da nosa cociña para realizar menús saudables. Unhas dúas mil familias acoden aos economatos que Cáritas ten na Coruña.

Pilar Farjas, directora de Cáritas da Coruña, asegura que detectaron que "en moitos casos, o 60 % das familias que se achegan aos nosos economatos son inmigrantes, non coñecen algúns dos noso produtos. Os legumes o máis típico, non saben como preparar uns feixóns ou unhas lentellas, é precisamente esa a finalidade".

Chus Castro, promotora da iniciativa e xornalista da Radio Galega: "Fixen unha pequena enquisa de por que estes alimentos si e estes outros non e eles dixéronme  unha frase que me quedou gravada: é que estes non cocen, mirando para as fabas, entón eu cheguei á conclusión de que non as poñían a remollo. Eu cheguei á conclusión de que os produtos que non querían levar era porque non os sabían cociñar".

O encargado de inaugurar estas xornadas foi o cociñeiro Xoán Crujeiras, que preparou unha receita de xarda con chícharos. Mostrouse encantado de participar nesta iniciativa solidaria.

Pepe Solla e Pablo Gallego serán outros dos prestixiosos cociñeiros que participaran nestas xornadas semanais, ata un total de 26. Pero tamén colaborarán na iniciativa representantes de distintas institucións, do mundo da cultura, do deporte e do xornalismo.

Noticias web

18/05/2021